miércoles, 13 de mayo de 2020

Viaxando por Europa


Ola ruliños! hoxe viaxaremos por Europa visitando algunhas das cidades máis importantes e bonitas que hai nela.

Sabemos que Europa é un dos continentes do planeta Terra. En Europa hai moitos países cos seus habitantes, bandeiras, cidades e costumes, entre eles estamos nós, España e os españois. En todos estes países hai cidades marabillosas que algún día coñeceremos, como Darío que xa coñece Londres. Hoxe imos percorrer algunhas delas. Cando vexades as fotos das diferentes cidades que vos poño, os papás téñenvos que axudar a identificalas, así aprenderemos "mogollón"!

Este ano no cole coñecemos a Ámsterdam, unha cidade dun país que está no norte de Europa, Holanda, acordádesvos que a chaman a "Venecia do norte"? Isto é porque ten moitas canles polos que circulan pequenos barcos, sendo algún deles casas onde vive xente. Aprenderamos tamén que a esta cidade chámana a cidade das bicicletas porque os coches case non poden circular por ela e os seus habitantes móvense dun lugar a outro en bicicleta, tranvía ou andando para non contaminala. Unha visita que non podemos perdernos nesta cidade era o museo de Van Gogh onde se atopan algúns dos seus cadros máis famosos que nos encantaron cando os vimos na pantalla, acordádesvos dalgún deles?, "Os lirios", "Os xirasois", "A habitación de Arlés", ... Que bonitos eran e canto nos gustaron!


Antes referímonos a Venecia, outra cidade dun país no sur, Italia. Italia é un país extraordinario, con moitos monumentos e arte repartido por cidades preciosas: Florencia, Pisa, Roma, Venecia, ... a Venecia coñécella, ademais de por o seu monumentos, porque as súas rúas son canles de auga que percorren unhas barcas moi bonitas chamadas "góndolas" e despois do paseo que daremos en góndola polas súas canles comeremos unha comida que nos encanta a todos, a pizza.


Outro país do sur, e que se parece moito a nós porque aos gregos encántalles estar na rúa e nas terrazas das súas cafeterías, é Grecia e unha das súas cidades máis importantes é a súa capital, Atenas; En Atenas hai un outeiro dentro da mesma cidade que se chama "A Acrópole", onde está algúns dos monumentos máis antigos e famosos do mundo, entre eles "O Partenón", ides quedar coa boca aberta cando o miredes no alto mentres comedes unha "moussaka" e un iogur grego nalgunha terraza do bonito "Barrio da Plaka".


O seguinte país está no centro de Europa, é Austria e a súa capital Viena. Aquí atopamos os palacios e xardíns de princesas máis bonitos e famosos do mundo; Blanca, Selene, Elia e Jimena, non llo poden perder, ata Lis, que non é moito de princesas, sentiríase como a emperatriz Sissi percorrendo os palacios reais de Hofburg e de Schönbrunn. E como terminaremos cansadísimos, remataremos o día comendo a deliciosa "Tarta Sacher" en calquera das bonitas cafeterías do centro de Viena.


Continuamos no centro de Europa, en Alemaña, coa súa capital Berlín. Os alemáns e os nenos de Lubre parécense moito, "son moi traballadores e eficientes". Berlín é unha cidade moi bonita, con moitos monumentos e museos, que os podemos visitar mentres comemos as súas famosas salchichas para que non nos fallen as forzas mentres vemos de preto o famosos busto da raíña exipcia Nefertiti no "Neues Museum". Verdade Darío que sería emocionante? Todo isto pódevolo contar tamén a profe María que veu moi contenta da súa viaxe a esta cidade.


E seguimos con outra cidade preciosa, París, a capital dos nosos veciños os franceses. A París chámanlle a "cidade da luz", por que será?. Nesta cidade podemos visitar tamén moitos monumentos moi famosos e coñecidos, pero os que levan a palma son: a "Tour Eiffel" e o "Musée du Louvre". Pasarémonolo fenomenal visitando e vendo de preto á famosa "Gioconda", máis coñecida como a "Mona Lisa". E despois de tanta visita cultural teremos fame e cearemos nun dos típicos "bistrots", tomando de sobremesa os seus famosos "croissants" e "macarons" que están boísimos, estaría xenial ir ao "Maxim´s" pero non nos daba o orzamento.


A próxima cidade que visitaremos será Londres, "London" para os ingleses, esta cidade non está no continente, está nunha illa e teremos que ir en barco ou en avión, ah! non! que tamén hai un túnel por baixo do mar, no estreito de Calais, polo que circula un tren que une París e Londres.

De Londres pódenos contar moitas cousas Darío porque estivo alí en Nadal, paseando polas súas rúas moi adornadas nesta festa, seguro que visitou o "Buckingham Palace", o Parlamento co "Big Ben", o "Tower bridge", subiu nos leóns de "Trafalgar square" e terminou facendo compras e tomando o té nos famosos almacéns "Harrod´s".  

Quen tamén nos pode contar moitas cousas de Londres é a profe Cova que estivo a vivir e a estudar con Cheeky Monkey varios meses nesta cidade e seguro que lles deu tempo a visitar o "British Museum" e a "National Gallery". Témosllo que lembrar cando volvamos ao cole.


E terminamos a nosa viaxe europea en Madrid, a nosa capital. En España temos cidades preciosas, para exemplo as de Galicia, pero estas xa as coñecemos moi ben, hoxe imos coñecer mellor Madrid, visitando o Palacio de Oriente, a Porta de Alcalá, o parque do Retiro, a pinacoteca máis importante do mundo, que é o Museo do Prado, as súas famosas e concorridas rúas e prazas como Gran Vía e Cibeles (agora menos por culpa do ditoso coronavirus), a Porta do Sol, onde ademais do monumento do oso pardo e o madroño, está a torre do reloxo onde dan as 12 badaladas da noitevella e comemos as últimas uvas do ano. E terminaremos, como non podía ser doutra maneira, comendo un bocadillo de luras ou tortilla na súa famosa Praza Maior.


Gustouvos esta longa viaxe? Que cidade pareceuvos máis bonita? Veña, decidirvos por unha e imaxinade que estades nela. Tedes que debuxarvos nesta cidade con algún dos seus monumentos e esta será a actividade que imos facer hoxe.


E como para viaxar temos que utilizar os medios de transporte, aquí póñovos unha canción para que lembredes algúns deles:


E como a viaxe foi tan longa, hoxe terminamos un pouco tarde, pero non vos esquezades de visitar os blogues da profe Dolores e da profe Cova que virían hoxe mércores ao cole:



Un bico e ata mañá!











No hay comentarios:

Publicar un comentario