Ola pitiños (xa non sei que inventarme para chamarvos).
Non se se vos destes conta que se está acabando o mes de maio, e non falamos dunha das festas máis bonitas de Galicia, "Os Maios". Que se celebra os primeiros días deste mes, pero non damos feito con tanto día especial e tanta celebración, aínda que o importante é que non nos esquecemos e como di o refrán: "Máis vale tarde que nunca".
"Os Maios" é unha festa para celebrar que terminou o inverno e espérase que mellore o tempo. Na primavera adoita chover, como nos pasou este ano, pero xa non fai tanto frío e as plantas e árbores, que ata o de agora parecía durmidos, empezan a espertarse e comezan a nacer as flores e as follas. Nos xardíns e terrazas da casa xa o observamos e tamén axudamos a poñer a punto o xardín e preparalo para pasar máis tempo nel porque os días tamén son máis longos.
En Galicia celebramos "Os Maios" realizando figuras e composicións que poden ter moitas formas. As primitivas adoitaban ter forma piramidal ou cónica, aínda que o que teñen todas en común é que van revestidas de toda clase de flores, plantas e froitos.
Nós no cole, outros anos faciamos moitos círculos de papeis de cores, despois dobrabámolos e... maxia potaxia! Aparecían as flores de papel que colocabamos con chinchetas no noso cono brilli brilli; Témolo tan abarrotado despois destes anos que o brilli brilli case non se ve porque todo está cheo de flores de cores. Póñovos algunhas fotos de como fixemos no cole as flores de papel e adornamos a nosa árbore brilli brilli dos maios, ata Monkey participou!
Algún se acordou desta festa e dos seus costumes? Aínda estamos a tempo de celebralo en casa facendo nosa propia árbore dos maios e, ademais, como ocorría cos nosos acuarios de cartón, xa falaremos outro día que tal vai, temos todo o que necesitamos na casa: cartón, cartolina, papeis de cores e pegamento ou chinchetas. Veña animarvos, que é unha actividade moi entretida, moi bonita e o resultado seguro que nos vai a alegrar esta estancia tan larga en casa e despois vai ser un adorno moi bonito para a nosa habitación. Aquí póñovos varios modelos para inspirarvos e que collades ideas:
Como "Os Maios" é unha festa popular onde participa todo o mundo, na casa pode participar toda a familia, ata os máis peques de Lubre, Carol, Carmen, Aurora, Izan, Gael e Aarón, se llo explicades ben, poden colaborar e pegar algunha flor.
Tamén vos poño unhas fichas desta festa, podedes elixir a que máis vos guste, e ademais de coloreala, podédela decorar con papeis de cores, boliñas de papel de seda ou papel prateado como o que traedes nos bocadillos, ... todo vale e seguro que a vosa árbore dos maios quedará precioso!
E acabamos cantando con Pablo Díaz unha canción da primavera:
Non vos esquezades de visitar o blogue do profe Ricardo, que hoxe martes tócanos mover o esqueleto coa súa clase de ximnasia.
No hay comentarios:
Publicar un comentario