jueves, 30 de abril de 2020

Chega o Día de Mamá!




Bos días cativiños! Este ano o "Día de Mamá", que celebraremos o vindeiro domingo, será especial, porque o seu agasallo farémolo con ela, pero o importante é que sabemos que Mamá é única, non hai outra igual, e cando hoxe abramos o blogue con ela e vexa o que a preparamos, gustaralle moito participar, aínda que sexamos nós os que realicemos o agasallo. Se de todos os xeitos queremos darlle unha sorpresa, podemos pedirlle axuda a Papá ou a outra persoa maior que estea na casa connosco. O máis importante é o agarimo con que fagamos estes agasallos, non importa o esforzo nin tampouco como nos queden, só importa que o facemos por Mamá, a persoa que máis nos quere neste mundo, Papá tamén, pero o domingo é o "Día de Mamá".


Para celebrar este día podemos colorear unha ficha, póñovos varios modelos para que elixades a que máis vos guste:




As fichas son para adornar e celebrar o "Día de Mamá" na casa. E agora imos co máis importante, o agasallo para Mamá! Tamén temos varias opcións para facer a que máis vos guste.

A primeira idea de agasallo que vos propoño é este modelo que unha vez coloreado, decorado e debuxando a Mamá no centro, recortamos e pegamos nun cartón ou cartolina e así será un cadro moi bonito para poñer nun sitio especial.


Para as "Mamás Raíñas", tamén lles podedes facer este modelo de espello tan especial. Tedes que facer o mesmo que no marco, decorar e debuxar a Mamá no óvalo da dereita. Ademais da ficha co modelo, póñovos unha foto para que vexades o chuli que vos pode quedar.



E para rematar, se Papá axúdavos, aquí vai outro agasallo que podedes facer entre os dous e regalarllo xuntos a Mamá:


Pois ao choio campións! Temos varios días por diante ata o domingo, porque mañá venres é festa, é o "Día dos Traballadores", é dicir, o voso día, e que mellor plan que celebralo traballando para facer agasallos a Mamá. E mentres podedes ver este conto dedicado ás "Mamás Máxicas" e que podedes repetir, tanto o conto como as cancións, o domingo que é o seu día especial. 


Un bico bolboreta da profe!















miércoles, 29 de abril de 2020

Continuamos aprendendo na casa


Ola peques! Continuamos sen poder volver ao cole, pero nós ao mal tempo boa cara e seguimos aprendendo na casa.

Hoxe imos repasar os números que xa coñecemos e asocialos coa súa cantidade correspondente. Para entrar en materia empezamos cunha canción:


Agora que xa os repasamos en castelán, os imos repasar tamén en galego con outra canción:


Gustáronvos as cancións? Verdade que son moi bonitas? Pois agora imos poñer en práctica todo o aprendido.

O primeiro que imos repasar son as "regletas" de cada número e a súa cor correspondente. Por iso, volvo poñer o esquema destas, e así as lembrades.


Os que teñades a caixa de "regletas" na casa, como Blanca, só tedes que collela e mirar as súas cores e xogando con elas, como facemos na clase, é moi fácil aprender a xuntar (sumar) e quitar (restar).

E despois de todo isto, para demostrar que aprendemos todo o anterior, aquí tedes as fichas de hoxe, que son moi fáciles e vanvos a gustar moito.

Para Selene, Elia, Blanca e Lis:


Para Jaime, Borja e Jimena:


Para Darío:



E para terminar por hoxe, aquí tedes un conto dos números:


Moitos abrazos e bicos bolboreta da profe e ata mañá!














martes, 28 de abril de 2020

Imos animar este día triste cunha familia moi alegre.


Ola pequerrechiños! Aínda que xa non se se chamarvos así porque como hai 47 días que non nos vemos, seguro que crecestes moito e xa non sodes tan pequenos, verdade? Lembrade que onte Elia cumpriu 4 anos e pronto serán tamén os "cumples" de Jaime, Borja, Blanca e Selene, a ver se con sorte podemos celebrar estes "cumples" todos xuntos no cole. Estades a facervos moi maiores!

Xa sabedes que desde o domingo podedes saír á rúa os nenos que teñan menos de 14 anos, por certo Darío, ves como en ocasións é unha sorte ser máis pequeno que Nico, ti podes saír e el non. Podedes saír durante unha hora, é dicir, un paseo curto, sempre con algunha persoa maior e mantendo as normas, que xa coñecemos, para impedir contaxiarnos do ditoso coronavirus, imos lembralas: gardar as distancias con outras persoas, non tocar nada, levar luvas e máscara, ..., e ao chegar a casa deixar os zapatos na porta, cambiarnos de roupa, lavarnos as mans, limpar os xoguetes que levamos á rúa, ... É unha lata, pero debémolo facer para que isto termínese e podamos facer as cousas que faciamos antes de que todo isto empezase, xa nos queda menos para volver vernos, eu teño moitas ganas de que isto pase e vós? seguro que tamén.

Pero nós debemos de seguir traballando na casa para non perder o ritmo e así cando regresemos ao cole, continuemos coas nosas actividades coma se estas "vacacións obrigadas" non existisen.

Onte celebramos o aniversario dunha princesa, Elia, pois hoxe imos seguir traballando con elas e os seus papás e irmán, é dicir, imos repasar á familia real do País das Letras; Xa lles coñecemos moi ben a todos e, ademais, gústanos moito debuxar e colorear os seus diferentes vestidos. Isto non é un traballo, é unha diversión e ademais aprendemos moito.

Antes de poñernos ao choio imos repasalas con esta canción:


E agora aquí tedes as fichas:

Lis, Elia, Blanca e Selene tedes esta ficha para facer hoxe e lembrade que as pinturas hai que collelas coa "pincita" e non vale saírse.


Jimena, Jaime e Borja tedes estas fichas para traballar hoxe. A primeira ficha é para ler a Mamá ou a Papá o nome dos vestidos dos membros da familia real.



Darío, esta ficha é para ti, a min paréceme moi fácil e seguro que a ti tamén. Cando termines de facer o que che indica, a coloreas que así queda máis bonita, e para completar a ficha, por detrás vas facer unha frase con cada unha das palabras que completaches, exemplos: "La jarra tiene agua", "El gusano come hojas",..., agora continúa ti que eu xa che fixen dous, só che quedan oito.


Ah! Esquecíaseme, Darío, lembra que todos os días tes que ler un pouco, iso si, o conto que ti queiras.

E para terminar, póñovos as fotos que me mandou a Mamá de Elia do ben que llo pasaron onte celebrando os seu "cumple" e así tamén coñecedes ao seu irmanciño Gael. Mirade o moito que creceron os dous! Elia mándavos moitos bicos e ten moitas ganas de vervos!



Moitos bicos bolboreta e ata mañá!







lunes, 27 de abril de 2020

Un luns moi especial


Ola nenos! Empeza a semana, outro luns e seguimos igual, iso si, continuamos con moitas ganas de traballar porque así os días pásansenos nun "pis pas".

O primeiro deste luns 27 de abril é que é especial, e por que? Pois hoxe Elia cumpre 4 "añazos"! Si, 4 "añazos", que xa empezan a ser moitos, acabas de entrar no "club das medianas" do cole.





Se estivésemos no cole, e o pesado do coronavirus non estivese a pulular por aí, cantariámosche o "Cumpleaños feliz" en diferentes versións, que sabemos moitas, ata en inglés! E despois abrazariámosche e bicariámosche todos, desexándoche un "cumpleaños" moi feliz. Pero non importa, facémolo polo blogue, e desde casa desexámosche un moi feliz día de "cumple" con Papá, Mamá, o Avó, a Avoa, a Bis, o Tío Marcos,... Ah! e tamén Gael, aínda que de momento é pequeniño e non se decata de moito. E os teus compañeiros, amigos e profes do cole mándanche un "bico bolboreta" no teu día especial. MOITAS FELICIDADES ELIA!

E como estamos de "cumpleaños", as fichas de hoxe serán de "cumple". Son moi fáciles porque nun día de celebración, non se debe de traballar moito.

Elia, Lis, Blanca e Selene, tedes esta ficha, só tedes que coloreala e se hai algunha "campeona" que ten ganas de traballar máis, que lle poña o número correspondente a cada vela.


Borja, Jaime e Jimena, imos facer esta ficha para colorear e repasar os números. Pintade cada numero coa cor da "regleta" que lle corresponde e o cero como non ten "regleta" pintalo da cor que queirades. Acordarvos que o número catro é o único que ten tres vestidos, poñerlle ao seu lado os dous que lle faltan.


Darío, esta é a túa, debuxa a cara de Elia, que é a amiga que celebra hoxe os seu "cumple", acórdache que cando lle colorees a camiseta, ponlle moito "brilli brilli" que a Elia encántalle, e debaixo escríbeslle unha felicitación curtiña, que eu se que escribes moi ben cando te concentras.


A ficha para todos é para debuxar a festa de "cumple" que celebrariamos no cole todos xuntos. Non vos esquezades de pintarvos a todos, Elia como é a do "cumple" ten que estar no centro, e a min tamén, que a profe non pode faltar na festa!


E esta é unha ficha especial para Elia, porque sei que lle encantan as princesas, pódea colorear coas pinturas de "brilli brilli" cando queira e despois a súa mamá pódea poñer nun marco e colocala na súa habitación.


E para finalizar un conto de "cumpleaños", que nos lembra ás fábulas, porque ao final ensínanos unha cousa moi importante: "Hai que aprender a saber esperar".


Un bico e ata mañá!



















viernes, 24 de abril de 2020

Termina outra semana na casa


Ola nenos, acábanseme as ideas para seguir con ánimos, pero nós a resistir como di a canción e, como somos moi fortes, adiante, outro día de traballo.

O pasado mércores foi o Día da Terra e falamos moito sobre o noso planeta e todo o que nós podiamos facer para coidalo: Manter limpos os bosques, as montañas, os mares, o aire... E como o podemos facer? Reciclando, utilizando as cousas por segunda ou terceira vez, clasificando o lixo e tirándoa no contedor correspondente, non malgastando a auga e utilizando só a que necesitamos, apagando a luz se é de día ou non estamos nunha habitación... Ocórresevos algunha cousa máis que podamos facer nós? Veña, dicirlla aos papás, avós, tíos, irmáns e explicarlles porqué, é moi importante darnos conta que nós tamén podemos lograr ou conseguir que o noso querido planeta Terra sexa un lugar máis bonito e san para vivir nel, nós e tamén os animais e as plantas. Imos ver un conto no que se explica moi ben todo isto:


E como o mércores só fixemos o móbil e a coroa para celebrar o "Día da Terra", hoxe imos facer fichas que nos lembren que coidar a Terra non é cousa só dun día, é labor de todos os días do ano.

Blanca, Selene, Elia e Lis, imos a colorear esta ficha, que vos axuden para pintar os continentes de verde ou marrón e os océanos e mares de azul, e acordarvos de coller ben a pintura coa "pincita".


Borja, Jimena e Jaime, esta é para vós, déstesvos conta que os nenos que están encima do planeta sodes vós? No debuxo do boneco que sexas ti escribe o teu nome na camiseta e, se vos axudan, tamén podedes poñer o nome dos vosos compañeiros nas súas respectivas camisetas.


Darío, estas son para ti que sei que che gustan moito estas fichas.



Agora póñovos esta canción de Pablo Díaz mentres traballades:


E para rematar, como é fin de semana e temos máis tempo, podemos facer esta actividade en familia que nos pode quedar moi bonita. Vou explicar como facela: 

Primeiro imprimir esta ficha
Coloreamos o planeta Terra como xa sabemos, os continentes en marrón ou verde e os océanos e mares en azul. Despois recortamos. E, para finalizar, facedes o contorno dunha man de cada membro da familia que queira coidar o planeta, seguro que son todos, poñédeslle o nome, coloreades, recortades tamén e pegádelas ao redor da terra. Pódevos quedar parecido a estas fotos:



O que se anime, que localice o noso país, España, e dentro de España a nosa Comunidade, Galicia, e dentro de Galicia onde estamos nós, Lubre (A Coruña).

Esquecíaseme! Póñovos unhas fotos de Blanca co móbil e a coroa do "Día da Terra", mirade que ben quedaron e o guapa que está!



Agora si que terminamos por hoxe con esta canción:


Boa fin de semana e ata o luns! Un biquiño!














jueves, 23 de abril de 2020

Un libro é un tesouro


Hoxe celebramos o "Día do Libro", e parece que o sol non llo quería perder, que alegría levantarnos e ver un día tan bonito, imos aproveitalo!

No cole temos unha biblioteca estupenda, con moitos libros que nos contan cousas marabillosas e axúdannos a aprender e a descubrir o mundo. Todo o que sabemos ensínannolo os libros, é verdade que o ordenador está moi ben, que lle preguntamos e contéstanos moi rápido a maioría das veces, pero un libro é un libro, e non hai nada que o poida substituír; Xa dixemos que hai moitas clases de libros: Libros para aprender e estudar no cole, libros para descubrir novas cousas, libros que nos levan a lugares onde nunca estivemos, libros que nos contan historias e aventuras que nunca vivimos, libros que nos fan soñar..., só temos que elixir e ler e seguro que algún día atoparemos o noso tesouro particular, o libro que sempre estará connosco e lerémolo unha e outra vez sen cansarnos.

O martes a profe Eva, no seu blogue, pediuvos que lle mandásedes fotos cos debuxos do voso libro favorito, fixéstelo? Poida que algún de vós aínda non teña un libro ou conto favorito porque lle gusten todos os que coñece, non importa, xa atoparedes o voso conto ou libro especial, o importante é que vos guste ler. Darío teno fácil, porque le moi ben, e a procura do libro pódea facer el soíño, só ten que buscar na biblioteca da súa casa, na do cole, nunha librería e elixir, aos demais, como estades a aprender, téñenvos que axudar, por agora, os profes e os papás, pero tempo ao tempo, só tedes que practicar e con sorte igual algún día poderemos ter un Nobel entre nós, veña ánimo, e a ler moito!


Queredes lembrar como a profe Eva empeza a súa clase con Bieito e a súa canción? Pois aquí tédela, "Imos contar un conto"...




E agora que estamos animados, imos ver este conto e espero que vos guste:


Que vos parece o que facía Roberto no conto? Iso tamén o podemos facer nós, tombámonos cunha toalla na herba do xardín ou no chan da terraza e miramos ao ceo. As nubes poden ter moitas formas, a ver que descubrides vós, cada persoa pode ver cousas diferentes, tentalo, veredes que divertido é!

E agora imos facer uns marcapáxinas, xa sabedes que os utilizamos para marcar a páxina onde nos quedamos lendo un libro cando este é un pouco longo, se os facemos nós serán máis bonitos e empezaremos a ler con máis ilusión; Para que todos saiban de quen son poñerémoslles o noso nome, propóñovos varios modelos, elixir o que máis vos guste, se vos gustan varios facémolos e despois podémolos regalar hoxe por ser o día que é.




E para celebrar o "Día do Libro" imos facer unha ficha para tela de recordo.

Elia, Lis, Blanca e Selene ides a colorear esta ficha e non vos esquezades de poñerlle o voso nome:


Jimena, Borja e Jaime esta é a vosa, dentro do libro tedes que debuxar a portada dun conto que vos guste moito:


Darío, ti primeiro vas debuxar os teus personaxes de contos favoritos e despois colorea a ficha:


E hoxe imos terminar cunha canción moi chula de Mamá Cabra que fala dos contos:


Un bico e ata mañá!