Ola peques! Empezamos semana, é luns e temos moitas ganas de traballar e despois xogar no xardín, que o día o merece.
Hoxe é o "Día de África" e onte domingo foi o "Día dos Parques Naturais", que combinación máis chuli!
África é o continente que está ao sur de Europa, coñecémoslle un pouco porque é onde está Exipto e estabamos a descubrir algúns dos seus animais cando tivemos que quedarnos na casa por culpa do coronavirus, que por certo, xa está máis "debilucho", aínda que non podemos confiarnos, é moi falsete o virus este.
África é un continente moi grande e ten moitos ecosistemas diferentes, con condicións de vida moi distintas; Os seus ecosistemas van desde lugares onde case non chove durante todo o ano, como o Deserto do Sahara, ata lugares como as selvas, onde a humidade e a auga son moi abundantes, e outros como as sabanas, aquí as choivas son estacionais, hai épocas do ano que está todo seco porque non chove e outras estacións nas que todo é verde e está cheo de flores polas abundantes choivas. Neste continente tan grande os diferentes países africanos crearon algúns dos parques naturais máis importantes do mundo. Os parques naturais son grandes territorios que están protexidos para que tanto a súa vexetación como os seus animais poidan vivir sen perigo; Se non fose por esta medida, moitos dos animais máis bonitos do mundo desaparecerian.
Dous dos parques naturais máis coñecidos de África son o Serengueti e o Kilimanxaro, os dous en Tanzania, e o segundo ao pé da montaña máis alta, que en realidade é un volcán, de África, que tamén se chama Kilimanxaro, e ambos parques moi preto do lago máis extenso de África, o Lago Vitoria.
Nestes parques naturais que se estenden polas grandes sabanas africanas podemos atopar elefantes, xirafas, cebras, ñus, leóns, rinocerontes, hipopótamos, e moitísimos animais máis; Imaxinádesvos que emocionante sería un safari por algún destes parques naturais? Apuntámolo na axenda para ir algún día.
O deserto é outro ecosistema que atopamos en África; O Deserto do Sahara, que se estende por todo o norte deste continente, é o deserto máis grande do mundo, con montañas de area, dunas, que son móbiles, móvense dun sitio para outro segundo o vento e as tormentas de area.
No deserto practicamente non chove e por iso case non hai nin plantas nin animais, excepto nalgúns lugares, os oasis, onde pode haber mananciais ou pozos, e é onde atoparemos palmeiras e algúns animais ou persoas, como os tuaregs e os beduinos, que van dun lugar a outro do deserto cos seus camelos e dromedarios.
En África tamén podemos atopar as selvas, un ecosistema onde chove moito, practicamente todos os días do ano, a humidade é moi alta e, por tanto, hai moita vexetación e ríos con moita auga. As selvas dun país africano, Ruanda, fixéronse moi famosas porque alí, nas súas montañas vive unha das colonias de gorilas máis grandes do mundo.
E houbo unha zoóloga americana, Dian Fossey, que viviu e loitou para protexer a estes animais, grazas a ela o mundo coñeceu que esta especie corría perigo de extinción por culpa dos cazadores furtivos; Fíxose unha película sobre a súa vida que se chamou "Gorilas na néboa", agora imos ver un conto sobre a vida desta gran muller:
Agora imos traballar un pouco para empezar con bo pé a semana. As fichas de hoxe son para todos e empezamos cunha adiviña.
Nesta ficha, no recadro que está debaixo do neno, Darío ten que escribir o nome do continente, África, e aos demais que vos axuden, que vos escriban en puntiños "África" e despois vós repasádelo.
Darío, nesta ficha escribe tamén o nome de cada animal, que é moi fácil e ti telo chupado.
Rematamos a clase de hoxe con moito ritmo e esta canción dos animais de África:
Hoxe luns tamén é día de clase de biblioteca, de música e de inglés, así que non vos esquezades de visitar os blogues
da profe Eva
da profe María
e da profe Cova
Un bico bolboreta e ata mañá!
No hay comentarios:
Publicar un comentario