miércoles, 15 de abril de 2020

Seguimos a voltas co coronavirus


Ola campións! Que tal estades? Fixestes os traballos de onte? Empezamos amodiño porque despois das vacacións temos que ir collendo o ritmo aos poucos. O de campións vén porque de verdade que sodes uns campións, vós e todos os que viven convosco: os papás, os avós, os irmáns, os tíos, ... Porque todos levades moito tempo encerrados na casa e, por que? Todos o sabemos moi ben, polo Coronavirus, que agora lle chaman o Covid19, e sabemos tamén o que é un virus, un "bichiño", un microorganismo que non o podemos ver, só os científicos con microscopios especiais e moi potentes, pero a pesar de ser algo tan pequeno, é moi perigoso e, se por algunha situación poñémonos en contacto con el, pódenos contaxiar e podemos enfermar; Sabemos tamén que os nenos sodes moi fortes porque tedes unha alimentación moi sa e os pediatras contrólanvos moi ben con revisións e vacinacións periódicas (por iso non podemos poñernos nerviosos nin chorar cando nos toca ir ao médico), case non tedes perigo no caso de que vos contaxiedes, pero non ocorre o mesmo coas persoas maiores, en especial cos avós, eles aínda que tamén teñan unha alimentación moi sa, non son tan fortes como vós, por iso temos que coidalos máis e unha forma de coidalos, aínda que pareza raro, é non ir velos, nin bicalos, nin tocalos, porque os podemos contaxiar sen sabelo nós, pero si podemos falar con eles por teléfono, velos nas pantallas e mandarlles moitos bicos, isto alegraralles moito e daralles moitas forzas.



Agora imos lembrar as normas que temos que seguir para evitar contaxiarnos e contaxiar nós a outros. A ver se vos acordades:
  • Quedarnos na casa e non saír á rúa nin aos parques.
  • Lavarnos moi ben as mans con auga e xabón, isto xa o tiñamos que facer sempre, pero agora máis.
  • Se tosemos, colocar diante da boca a parte interior do cóbado.

Ademais destas tres medidas, que son as máis importantes, se temos que saír á rúa porque é necesario (hai que facer a compra e non nos poden deixar sós en casa ou temos que ir ao médico), non debemos achegarnos ás persoas que nos atopemos, debemos de gardar unha distancia. 

Tamén é moi importante que nos dea o aire e o sol, a maioría de vós non tedes problemas con isto porque vivides en casas con xardín ou terraza e, se hai bo tempo, é o que adoitades facer, se algún amigo non ten a sorte que tedes vós, terase que asomar ás xanelas ou aos balcóns un intre cada día. E, por que é importante que nos dea o aire e o sol? Acordádesvos que este inverno explicamos en clase o importante que era tomar lácteos, froitas e zumes frescos para que nos achegasen calcio e vitamina C e non tivésemos problemas co virus da gripe (o coronavirus é un primo do virus da gripe)? Pois cando nos dá o aire e o sol fixamos a vitamina D que tamén é moi necesaria para o noso desenvolvemento. Así que cando faga bo, xa sabemos, ao xardín! E ademais de xogar coas nosas mascotas e coidalas, axudaremos tamén aos maiores para ter precioso o xardín, é moi entretido e aprendemos moitas cousas divertidas. Outro día falaremos das diferentes plantas e animais que viven nos nosos xardíns e hortos, pero hoxe tócanos o Covi19.

Que vos parece se facemos un xogo para reforzar o lavado de mans? Pois veña, a ver cuantos puntos gañamos e se conseguimos moitos, seguro que o premio será estupendo!


E agora póñovos un vídeo para que vexades o divertido que pode ser lavarse as mans:




Hoxe as fichas van ser moi fáciles porque a explicación foi moi longa e non quero que vos cansedes, que hai que empezar amodiño, só ides ter que colorear os diferentes virus e bacterias.



Para terminar, mirade que preciosidade de fotos mandounos a Mamá de Borja, este é o resultado dunha comida sa, hurra polos seus papás! Carmen, Aurora e Borja mándanvos moitos bicos!





No hay comentarios:

Publicar un comentario