miércoles, 22 de abril de 2020

O noso planeta está de celebración


Ola neniños! Hoxe cando me levantei e abrín a xanela déronme ganas de volver para a cama, estaba todo "tan triste e tan gris"... pero acordeime que hoxe é o día do noso planeta, "O Día da Terra", e púxenme moi contenta porque temos moita sorte de vivir nun planeta tan bonito. Acordádesvos das moitas fotos que vimos o curso pasado da Terra vista desde o espazo?. Nestas fotos feitas polos astronautas ou polas cámaras dos satélites artificiais viamos a Terra de cor azul e moi brillante, por iso moitos a chaman o "Planeta Azul".




Pero para que siga sendo azul e brillante temos que coidala. Nós no cole falamos moitas veces deste tema, e que nós podemos facer moitas cousas fáciles para que a Terra estea limpa e sa; Temos que manter limpa a auga dos mares, ríos, lagos e fontes, temos que manter limpo o aire que respiramos, temos que manter limpos os montes, os prados, os bosques, os parques, ..., e hai unha "palabra máxica" que coñecemos moi ben "RECICLAR"; Moitas das cousas que utilizamos e despois tiramos ao lixo podémolas reutilizar unha segunda vez e, así, a bolsa do lixo non se encherá tan pronto. Cando podamos volver saír á praia, ao monte ou ao parque e levemos a comida ou a merenda, ao terminar recolleremos todo e tirarémolo ás papeleiras ou aos contedores.




Tamén falamos este curso que o noso planeta respira e os seus pulmóns son os bosques e as selvas, as súas plantas e árbores ocúpanse de que o aire, que nós contaminamos coas nosas fábricas, calefaccións e coches, devólvannolos limpo e puro, por iso é moi importante coidar as árbores, e que podemos facer nós? Pois plantar árbores e arbustos nos nosos xardíns e terrazas; Xa sabemos como se inicia a vida e o desenvolvemento dunha planta, no patio do cole recollemos moitas veces as sementes que hai no chan e que se lle caeron ás dúas palmeiras que temos e levámolas á casa para plantalas. Tamén explicamos o proceso que temos que facer: Primeiro eliximos un sitio no xardín, tendo en conta que a árbore crece e a maioría das árbores faranse moi grandes, despois facemos un oco na terra, metemos a semente, volvemos tapar, regamos e a esperar. Imos ver un vídeo de debuxos para repasar todo isto:


Na casa podemos facer un experimento moi sinxelo para observar como se inicia a vida dunha planta a partir dunha semente. Isto en anos anteriores fixémolo na clase, este curso podédelo facer agora na casa a partir dun garavanzo, un faba, unha lentella... O que teña Mamá na despensa. Poñédela envolvida nun algodón e metédela nun vaso ou frasco de cristal para vela mellor, despois regádela, non esquezades facelo todos os días, e veredes que sorpresa temos cando pase unha semana! Aquí póñovos os pasos para seguir para que o vexades mellor:



E como hoxe imos de experimentación e traballos, agora póñovos uns obradoiros moi bonitos; A primeira é un móbil para colgar e a segunda unha diadema para que vola poñades e celebredes este día.


E para rematar, aquí tedes un vídeo que vos vai a gustar moito. Feliz Día da Terra!







martes, 21 de abril de 2020

Imos darlle cor a este día gris!



Ola ruliños! Seguimos igual, na casa e con este tempo gris de primavera que non nos convida a saír ao xardín ou á terraza.

E para animarnos un pouco, hoxe imos dar cor ás fichas; Xa sabemos que a Primavera é a estación das cores, empezan a saír as flores, coñecemos o nome de moitas delas e as diferentes cores que poden ter. Pero hoxe imos lembrar que hai moitas cores e, dentro da mesma cor, moitas tonalidades. Por isto as diferentes cores clasifícanse en primarias, secundarias e terciarias. Os máis importantes son as cores PRIMARIAS, que son o VERMELLO, o AMARELO e o AZUL, combinando estas tres cores obteremos todas as demais.


Vou poñer un vídeo para que entendades mellor e cantando, que sempre é máis divertido, a mestura de cores:


Vou poñer varias fichas para que combinedes as tres cores primarias e así conseguides as cores secundarias e, combinando estas últimas, podedes conseguir moitas cores máis, que serían as cores terciarias. Imos probar a ver que tal nos sae. Estas fichas podédelas facer con acuarelas e, se non temos acuarelas na casa, tamén se poden facer con pinturas de cera brandas, despois tedes que mesturalas forte co dedo como facemos no cole e... Maxia potaxia, aparece unha nova cor!





A última ficha podédela repetir varias veces coas cores que queirades, veredes que divertido é!

Acordádesvos do monstro das cores?... Pois a ver se vos gusta este vídeo que vos poño...



A profe Eva propúxonos unha actividade moi chuli para conmemorar o Día do Libro que será o vindeiro xoves, que consiste en que cada un de vós faga un debuxo do seu libro favorito e mándeo ao correo da biblioteca (bibliocraber@gmail.com),despois con estes debuxos a profe Eva publicaraos este xoves, que é o día 23 de abril, Día do Libro, e así poderedes ver, ademais do voso, todos os debuxos dos os nenos do CRA de Bergondo

Nenos, por hoxe xa tedes entretida e divertida a tarde. Ata loguiño!

lunes, 20 de abril de 2020

Empeza outra semana na casa


Nenos, outra semana de "escola" na casa, nos gustaría estar no cole cos nosos amigos e profes pero o coronavirus non nos deixa aínda e temos que pensar que xa é unha semana menos para volver. Non temos que cansarnos desta situación, resistiremos!


Unha forma para que isto non pase é seguir visitando o blogue, facer os traballos ou fichas e se algún amigo mándanos fotos ou vídeos pasar un bo intre mirándoos; E como estamos na Primavera, o tempo é de "primavera", ás veces chove, ás veces sae o sol e, nalgunhas ocasións, as dúas cousas á vez, e entón sae o arco da vella. Acordádesvos das súas cores? Pois a repasalos, que nos próximos días imos facer fichas de cores.






Mentres tanto continuamos co País das Letras e a súa Familia Real:


O último día repasamos o Rey U e a Raíña A e hoxe imos seguir cos seus filliños: A Princesa I, a Princesa O e o Príncipe E. Na clase xa os coñeceramos, pero imos repasalos vendo estes vídeos:




No cole falamos moito deles. Sabemos que a Princesa I e o Príncipe E son tremendos, moitas veces non se portan ben e sempre están a argallar algunha cousa, por iso pásalles o que lles pasa... Todo o contrario da Princesa O, que se porta estupendamente, traballa fenomenal no cole e sempre é moi responsable.

Selene, Blanca, Elia e Lis, hoxe tócanvos estas fichas:




Borja, Jimena e Jaime, estas son as que vos tocan hoxe:






Darío, hoxe tócanche estas:





Darío, tes tres fichas pero son moi fáciles e telas que ler ti só e despois facelas. Na última ficha tes que poñer o nome á beira de cada froita e debaixo de cada árbore e despois colorealos.

Isto é todo por hoxe, mañá máis e mellor! Deica logo!

viernes, 17 de abril de 2020

Chegou a fin de semana



Ola cativos! Hoxe é venres e chegou a fin de semana, aínda que estando sen saír da casa como que non nos damos moita conta, pero nós temos que esforzarnos e facelo especial. Especial vai ser porque xa sabemos que o sábado e o domingo son os días da semana que temos para descansar. Acordarédesvos de como se chamaban os días da semana, verdade? Imos lembralo cunha canción de "Mamá Cabra":


Se estivésemos no cole, 
  • O LUNS sería o primeiro día da semana e teriámolo moi atarefado, viñan as profes Eva, María e Cova.
  • O segundo día, MARTES, só viña Ricardo e pasabádelo chupi na súa clase de Educación Física.
  • O terceiro día, MÉRCORES, estaba completiño coas profes Dolores, Marisol e outra vez Cova.
  • O cuarto día, XOVES, repetiamos con Ricardo.
  • E o quinto día, VENRES, volvía Dolores e á hora do bocadillo acompañábanos a profe Mónica.
Para lembrar a todos os vosos estupendos profes, xa sabedes que, ademais do blogue de Lubre, tedes o resto dos blogues dos profes especialistas que tamén vos preparan actividades e xogos moi bonitos e, ademais, Blanca, Selene e Jaime, tedes á profe Dolores que vos propón unhas actividades especiais no seu blogue. Animarvos e cada día visitar os diferentes blogues do CRA, veredes que entretidos estades! 

Seguindo cos días da semana, para que sexa máis divertido repasalos aquí tedes este vídeo con moita marcha:



E agora toca traballar, estas son as fichas de hoxe:

Para Selene, Blanca, Elia e Lis

Para Jimena, Jaime e Borja

Lémbravos algo as cores do verme? Son as cores das regletas coas que traballamos na clase



Para Darío

Darío, unha vez que atopes os nomes dos días da semana na sopa de letras, tes que colorear cada nome da cor correspondente á orde da regleta (luns branco, martes vermello, ...)


E para finalizar, unha super sorpresa, mirade o seguinte vídeo:


Verdade que este mozo ten madeira de chef? Jaime, de aquí ao concurso da tele, gáñalo seguro, saíronche as "torrijas" mellor que a min!

Un bico e ata o luns!


jueves, 16 de abril de 2020

Imos lembrar algunhas letras


Bos días nenos! Como van as cousas? Continuamos en casa e seguimos sen poder ir ao cole. Xa sabemos porqué, onte explicámolo, e mentres esperamos que isto se solucione, seguiremos traballando.

Hoxe está un día triste, as nubes cobren o ceo, non vemos o sol e está a chover un pouco. Pero tamén sabemos que se queremos celebrar no mes de maio a "Festa dos Maios" con flores, ten que chover, non hai outra maneira de que os xardíns se vistan de festa.


Como vos dixen ao principio, hoxe imos lembrar algunhas das letras que xa coñecemos. Primeiro veremos este conto para activar as nosas neuronas, que son as células que conforman o noso cerebro.



E agora tócanos traballar,

ELIA, BLANCA, LIS e SELENE, ides repasar os vestidos da Raíña A con este vídeo e estas fichas:




BORJA, JAIME e JIMENA, ademais do vídeo da Raíña A, tamén imos lembrar ao Rey U con outro vídeo e, como sodes máis maiores, póñovos estas fichas:












DARÍO, para ti todas as fichas anteriores son moi fáciles, porque xa sabes ler e escribir moi ben, se che gusta algunha podes facela tamén, pero as túas son estas, que son moi bonitas e telo chupado, veña campión, adiante:


Por hoxe rematamos o traballo, un bico e ata mañá!

Ah! Esquecíaseme, vistes as fotos de Borja coas xemelgas e o moito que creceron? Como isto dure, non se se as recoñeceremos.



miércoles, 15 de abril de 2020

Seguimos a voltas co coronavirus


Ola campións! Que tal estades? Fixestes os traballos de onte? Empezamos amodiño porque despois das vacacións temos que ir collendo o ritmo aos poucos. O de campións vén porque de verdade que sodes uns campións, vós e todos os que viven convosco: os papás, os avós, os irmáns, os tíos, ... Porque todos levades moito tempo encerrados na casa e, por que? Todos o sabemos moi ben, polo Coronavirus, que agora lle chaman o Covid19, e sabemos tamén o que é un virus, un "bichiño", un microorganismo que non o podemos ver, só os científicos con microscopios especiais e moi potentes, pero a pesar de ser algo tan pequeno, é moi perigoso e, se por algunha situación poñémonos en contacto con el, pódenos contaxiar e podemos enfermar; Sabemos tamén que os nenos sodes moi fortes porque tedes unha alimentación moi sa e os pediatras contrólanvos moi ben con revisións e vacinacións periódicas (por iso non podemos poñernos nerviosos nin chorar cando nos toca ir ao médico), case non tedes perigo no caso de que vos contaxiedes, pero non ocorre o mesmo coas persoas maiores, en especial cos avós, eles aínda que tamén teñan unha alimentación moi sa, non son tan fortes como vós, por iso temos que coidalos máis e unha forma de coidalos, aínda que pareza raro, é non ir velos, nin bicalos, nin tocalos, porque os podemos contaxiar sen sabelo nós, pero si podemos falar con eles por teléfono, velos nas pantallas e mandarlles moitos bicos, isto alegraralles moito e daralles moitas forzas.



Agora imos lembrar as normas que temos que seguir para evitar contaxiarnos e contaxiar nós a outros. A ver se vos acordades:
  • Quedarnos na casa e non saír á rúa nin aos parques.
  • Lavarnos moi ben as mans con auga e xabón, isto xa o tiñamos que facer sempre, pero agora máis.
  • Se tosemos, colocar diante da boca a parte interior do cóbado.

Ademais destas tres medidas, que son as máis importantes, se temos que saír á rúa porque é necesario (hai que facer a compra e non nos poden deixar sós en casa ou temos que ir ao médico), non debemos achegarnos ás persoas que nos atopemos, debemos de gardar unha distancia. 

Tamén é moi importante que nos dea o aire e o sol, a maioría de vós non tedes problemas con isto porque vivides en casas con xardín ou terraza e, se hai bo tempo, é o que adoitades facer, se algún amigo non ten a sorte que tedes vós, terase que asomar ás xanelas ou aos balcóns un intre cada día. E, por que é importante que nos dea o aire e o sol? Acordádesvos que este inverno explicamos en clase o importante que era tomar lácteos, froitas e zumes frescos para que nos achegasen calcio e vitamina C e non tivésemos problemas co virus da gripe (o coronavirus é un primo do virus da gripe)? Pois cando nos dá o aire e o sol fixamos a vitamina D que tamén é moi necesaria para o noso desenvolvemento. Así que cando faga bo, xa sabemos, ao xardín! E ademais de xogar coas nosas mascotas e coidalas, axudaremos tamén aos maiores para ter precioso o xardín, é moi entretido e aprendemos moitas cousas divertidas. Outro día falaremos das diferentes plantas e animais que viven nos nosos xardíns e hortos, pero hoxe tócanos o Covi19.

Que vos parece se facemos un xogo para reforzar o lavado de mans? Pois veña, a ver cuantos puntos gañamos e se conseguimos moitos, seguro que o premio será estupendo!


E agora póñovos un vídeo para que vexades o divertido que pode ser lavarse as mans:




Hoxe as fichas van ser moi fáciles porque a explicación foi moi longa e non quero que vos cansedes, que hai que empezar amodiño, só ides ter que colorear os diferentes virus e bacterias.



Para terminar, mirade que preciosidade de fotos mandounos a Mamá de Borja, este é o resultado dunha comida sa, hurra polos seus papás! Carmen, Aurora e Borja mándanvos moitos bicos!