Ola peques! Que tal a fin de semana? Como xa podemos saír un pouco todos os días, respectando as medidas que coñecemos: estar separados, poñernos máscaras, non tocar as cousas, ..., e ademais estamos a ter uns días preciosos, atopámonos máis contentos e animados e, para completar, resulta que hoxe é o "Día Internacional dos Museos". Falamos moitas veces en clase o que é un museo e tamén enumeramos varios dos museos máis importantes do mundo, algúns dos cales están nas cidades que coñecemos a semana pasada.
Esta semana ímola a dedicar a falar dalgúns dos museos máis importantes do mundo e as obras que conteñen. E como non podía ser doutra maneira empezamos na Coruña; Na nosa cidade hai museos moi bonitos e importantes. Picar en cada foto se queredes saber máis de cada un deles.
A Domus ou Casa do Home
Aquarium Finisterrae ou Casa dos Peces
Casa das Ciencias
Castillo de San Antón
Museo Militar
A Torre de Hércules
Museo de Belas Artes
Muncyt
Tamén están casa-museo de María Pita, casa-museo de Emilia Pardo-Bazán, casa-museo de Picasso... e moitos máis. Se non fóra polo ditoso coronavirus, esta semana poderiamos visitalos sen que aos papás custáselles nada, é dicir, gratis, pero haberá que esperar ao ano que vén.
No CRA este ano tiñamos previsto visitar o Aquarium e veriamos a Gastón esperando que os seus coidadores tivésenlle o bandullo cheo e non se comese a algún pobre pargo que pasase despistado polo seu lado como xa ocorreu nalgunha ocasión co lambón este.
E por hoxe rematamos a visita aos museos máis importantes da Coruña. Esta semana continuaremos visitando os museos máis importantes do mundo.
Imaxinádesvos de que van as fichas de hoxe? Aquí tédelas.
Para Selene, Blanca, Elia e Lis:
Para Jimena, Borja e Jaime:
Para Darío:
E ao que estea traballador, esta ficha paréceme moi bonita e podédela facer todos:
E como hoxe visitamos o Aquarium da Coruña e gustounos moito, que vos parece se facemos un acuario de papel en casa? Non é para terminalo hoxe, podemos facelo durante varios días coa axuda dos maiores, todo o que necesitamos témolo en casa: unha caixa de cartón, papeis de cores, fíos, cunchas da praia que teñamos do ano pasado, ... Veña, póñovos uns modelos para que vexades o bonito que vos pode quedar.
E terminamos con esta canción tan chuli, que seguro que á profe María tamén lle encanta:
Lembrade que hoxe teriamos clase coa profe Eva, a profe María e a profeCova, picar nas fotos para visitar o seus blogues:
Ola nenos! O domingo é o "Día das Letras Galegas". Hoxe se estivésemos no cole, falariamos do importante que é esta celebración na nosa comunidade, Galicia; Celébrase o 17 de maio porque foi nesta data, un 17 de maio de 1863 cando se publicou en Vigo o primeiro exemplar de "Cantares galegos" de Rosalía de Castro e foi esta escritora, Rosalía de Castro, a primeira escritora á que se dedicou este día, cen anos despois, en 1963.
Tamén no cole, como fixemos outros anos, poñeriamos a canción de "Rosalía pequeniña!"
Leriamos algún conto ou poesía en galego para celebrar esta festa. Nós, aínda que non falamos normalmente en galego, si coñecemos moitas palabras nesta lingua e facemos os nosos primeiros pasiños falando e lendo moitos contos, historias, poesías, adiviñas, ... Entendemos perfectamente cando nos falan en galego, porque a maioría das profes e o profe que veñen ao cole fano nesta lingua e nós imos seguir poñendo moito interese en mellorar día a día o noso galego.
Sabemos que o "Día das Letras Galegas" dedícase a un escritor/a que durante a súa vida traballou para que tanto nenos como adultos coñezamos e queiramos a nosa lingua: o galego.
Este ano o "Día das Letras Galegas" dedícase ao escritor, filólogo e profesor Ricardo Carvalho Calero.
Sobre este escritor é o conto "As pitas baixo a choiva" que todas as profes e o profe do CRA de Bergondo lémosvos con moito agarimo e á profe Eva quedoulle moi chulo o vídeo que montou e que podedes ver no seu blogue:
Ata Os Bolechas, que sei que vos gustan moito, fixeron un conto sobre outra obra deste escritor, Ricardo Carvalho Calero, para celebrar o "Día das Letras Galegas" deste ano, e tamén o podedes ver no blogue da biblioteca da profe Eva:
E como sei que vos encanta aprender moitas cousas novas, tamén podedes visitar http://aspitas.gal/ para saber máis de "Pitas baixo a choiva" e do seu escritor Ricardo Carvalho Calero e facer as actividades que vos propoñen.
E agora imos poñernos ao choio, a primeira actividade que vos propoño é este marcapáxinas, que unha vez que debuxedes e pintedes, o recortades e pegades nun cartón ou cartolina e podédesllo regalar a alguén da casa neste día tan especial.
E como hoxe a cousa vai de pitas, pois estas van ser as protagonistas das fichas que vos vou a poñer hoxe.
Para Elia, Lis, Blanca e Selene:
Para Jimena, Jaime e Borja:
Para Darío:
Para rematar, póñovos esta canción en galego de "Mamá Cabra" que ten moita marcha e seguro que lle dá moita alegría a este día de festa!
Ola peques! Que tal despois da "viaxe" que fixemos onte por Europa? Percorremos cidades preciosas que seguro que algún día ides coñecer e por iso xa estamos a preparar futuras viaxes.
O martes desta semana foi o 12 de maio e celebramos o "Día internacional da enfermería".
Precisamente eu ese día estiven toda a mañá percorrendo hospitais e vendo a médicos e enfermeiras/os, e comprobei o importantes e necesarios que son estes profesionais nas nosas vidas. Xa sabiamos que os/as médicos e enfermeiras/os son os encargados de coidarnos e curarnos cando nos poñemos enfermos. No cole de Lubre non hai de momento moitas futuras vocacións neste campo, pero xa veremos que pasa despois da clase de hoxe.
As enfermeiras/os son aqueles profesionais que, unha vez que o médico diagnostica o que nos pasa, encárganse de todo o proceso que vén despois; Vixían a nosa temperatura, adminístrannos a medicación, ben sexa por vía oral (xaropes, pastillas, ...) ou nola teñen que inxectar como ocorre coas vacinas, algúns antibióticos... e todo isto explicando que a hixiene e a limpeza é fundamental para ter unha vida sa. Con esta situación do coronavirus xa estamos moi concienciados da importancia que ten a limpeza e a hixiene na nosa saúde.
Pero isto non foi sempre así e foi precisamente unha enfermeira, que se chamaba Florence Nightingale, xa hai moitos anos, a que comprobou a importancia de manter unha boa limpeza e hixiene tanto de mans, roupa e da contorna, como de todo o material que utilizaban os médicos e enfermeiras no seu traballo. Con estas medidas, xa hai 200 anos, salváronse moitas vidas e aínda na actualidade estas medidas están a axudarnos a combater todas as enfermidades e en especial hoxe ao ditoso coronavirus.
Agora póñovos un vídeo dos Lunnis cunha canción sobre a historia desta enfermeira que estudou nunha das cidades que coñecemos onte, Londres/London e que marcou un "antes e un despois" na historia da medicina mundial.
Agora póñovos as fichas para facer hoxe.
Para Blanca, Elia, Lis e Selene:
Para Jaime, Jimena e Borja:
Para Darío:
Imos terminar esta clase cun conto que resume a vida desta gran muller Florence Nightingale:
Non vos esquezades de visitar o blogue do profe Ricardo, que xa sabedes que os xoves nos toca clase con el. Pinchade na foto:
Ola ruliños! hoxe viaxaremos por Europa visitando algunhas das cidades máis importantes e bonitas que hai nela.
Sabemos que Europa é un dos continentes do planeta Terra. En Europa hai moitos países cos seus habitantes, bandeiras, cidades e costumes, entre eles estamos nós, España e os españois. En todos estes países hai cidades marabillosas que algún día coñeceremos, como Darío que xa coñece Londres. Hoxe imos percorrer algunhas delas. Cando vexades as fotos das diferentes cidades que vos poño, os papás téñenvos que axudar a identificalas, así aprenderemos "mogollón"!
Este ano no cole coñecemos a Ámsterdam, unha cidade dun país que está no norte de Europa, Holanda, acordádesvos que a chaman a "Venecia do norte"? Isto é porque ten moitas canles polos que circulan pequenos barcos, sendo algún deles casas onde vive xente. Aprenderamos tamén que a esta cidade chámana a cidade das bicicletas porque os coches case non poden circular por ela e os seus habitantes móvense dun lugar a outro en bicicleta, tranvía ou andando para non contaminala. Unha visita que non podemos perdernos nesta cidade era o museo de Van Gogh onde se atopan algúns dos seus cadros máis famosos que nos encantaron cando os vimos na pantalla, acordádesvos dalgún deles?, "Os lirios", "Os xirasois", "A habitación de Arlés", ... Que bonitos eran e canto nos gustaron!
Antes referímonos a Venecia, outra cidade dun país no sur, Italia. Italia é un país extraordinario, con moitos monumentos e arte repartido por cidades preciosas: Florencia, Pisa, Roma, Venecia, ... a Venecia coñécella, ademais de por o seu monumentos, porque as súas rúas son canles de auga que percorren unhas barcas moi bonitas chamadas "góndolas" e despois do paseo que daremos en góndola polas súas canles comeremos unha comida que nos encanta a todos, a pizza.
Outro país do sur, e que se parece moito a nós porque aos gregos encántalles estar na rúa e nas terrazas das súas cafeterías, é Grecia e unha das súas cidades máis importantes é a súa capital, Atenas; En Atenas hai un outeiro dentro da mesma cidade que se chama "A Acrópole", onde está algúns dos monumentos máis antigos e famosos do mundo, entre eles "O Partenón", ides quedar coa boca aberta cando o miredes no alto mentres comedes unha "moussaka" e un iogur grego nalgunha terraza do bonito "Barrio da Plaka".
O seguinte país está no centro de Europa, é Austria e a súa capital Viena. Aquí atopamos os palacios e xardíns de princesas máis bonitos e famosos do mundo; Blanca, Selene, Elia e Jimena, non llo poden perder, ata Lis, que non é moito de princesas, sentiríase como a emperatriz Sissi percorrendo os palacios reais de Hofburg e de Schönbrunn. E como terminaremos cansadísimos, remataremos o día comendo a deliciosa "Tarta Sacher" en calquera das bonitas cafeterías do centro de Viena.
Continuamos no centro de Europa, en Alemaña, coa súa capital Berlín. Os alemáns e os nenos de Lubre parécense moito, "son moi traballadores e eficientes". Berlín é unha cidade moi bonita, con moitos monumentos e museos, que os podemos visitar mentres comemos as súas famosas salchichas para que non nos fallen as forzas mentres vemos de preto o famosos busto da raíña exipcia Nefertiti no "NeuesMuseum". Verdade Darío que sería emocionante? Todo isto pódevolo contar tamén a profe María que veu moi contenta da súa viaxe a esta cidade.
E seguimos con outra cidade preciosa, París, a capital dos nosos veciños os franceses. A París chámanlle a "cidade da luz", por que será?. Nesta cidade podemos visitar tamén moitos monumentos moi famosos e coñecidos, pero os que levan a palma son: a "Tour Eiffel" e o "MuséeduLouvre". Pasarémonolo fenomenal visitando e vendo de preto á famosa "Gioconda", máis coñecida como a "Mona Lisa". E despois de tanta visita cultural teremos fame e cearemos nun dos típicos "bistrots", tomando de sobremesa os seus famosos "croissants" e "macarons" que están boísimos, estaría xenial ir ao "Maxim´s" pero non nos daba o orzamento.
A próxima cidade que visitaremos será Londres, "London" para os ingleses, esta cidade non está no continente, está nunha illa e teremos que ir en barco ou en avión, ah! non! que tamén hai un túnel por baixo do mar, no estreito de Calais, polo que circula un tren que une París e Londres.
De Londres pódenos contar moitas cousas Darío porque estivo alí en Nadal, paseando polas súas rúas moi adornadas nesta festa, seguro que visitou o "BuckinghamPalace", o Parlamento co "Big Ben", o "Towerbridge", subiu nos leóns de "Trafalgarsquare" e terminou facendo compras e tomando o té nos famosos almacéns "Harrod´s".
Quen tamén nos pode contar moitas cousas de Londres é a profeCova que estivo a vivir e a estudar con CheekyMonkey varios meses nesta cidade e seguro que lles deu tempo a visitar o "BritishMuseum" e a "NationalGallery". Témosllo que lembrar cando volvamos ao cole.
E terminamos a nosa viaxe europea en Madrid, a nosa capital. En España temos cidades preciosas, para exemplo as de Galicia, pero estas xa as coñecemos moi ben, hoxe imos coñecer mellor Madrid, visitando o Palacio de Oriente, a Porta de Alcalá, o parque do Retiro, a pinacoteca máis importante do mundo, que é o Museo do Prado, as súas famosas e concorridas rúas e prazas como Gran Vía e Cibeles (agora menos por culpa do ditoso coronavirus), a Porta do Sol, onde ademais do monumento do oso pardo e o madroño, está a torre do reloxo onde dan as 12 badaladas da noitevella e comemos as últimas uvas do ano. E terminaremos, como non podía ser doutra maneira, comendo un bocadillo de luras ou tortilla na súa famosa Praza Maior.
Gustouvos esta longa viaxe? Que cidade pareceuvos máis bonita? Veña, decidirvos por unha e imaxinade que estades nela. Tedes que debuxarvos nesta cidade con algún dos seus monumentos e esta será a actividade que imos facer hoxe.
E como para viaxar temos que utilizar os medios de transporte, aquí póñovos unha canción para que lembredes algúns deles:
E como a viaxe foi tan longa, hoxe terminamos un pouco tarde, pero non vos esquezades de visitar os blogues da profe Dolores e da profeCova que virían hoxe mércores ao cole: