jueves, 7 de mayo de 2020

Se plantamos ben, que de alimentos podemos recoller!


Ola campións! Que tal estades? Supoño que moi ben, e despois das actividades que vos propuxen estes días pasados sobre como podemos iniciarnos nas técnicas de plantación, seguro que estades a desexar axudar aos papás ou avós no xardín ou no horto.

Ata o de agora falaramos moito do xardín e as diferentes flores que podiamos plantar nel, pero as flores, aínda que son moi bonitas, a maioría non as podemos comer, excepto algunhas que si, como ocorre coa capuchina, a viola,...


Mirade que pinta tan estupenda ten esta ensalada de pensamentos:


Outras flores e plantas son medicinais como a camomila, o romeu, a menta, ...


Así que hoxe imos empezar a falar dos diferentes froitos que nos dan as árbores e as plantas e que comemos despois. Sabemos que é moi importante comer de forma sa e completa e as plantas son fundamentais porque os seus diferentes froitos achégannos moitas vitaminas e proteínas que nos axudan a desenvolvernos de forma sa e completa. Pero dunha planta podemos comer diferentes partes: a súas raíces, os seus talos, as súas follas, os seus froitos, ...


En Lubre temos moitos avós e papás que teñen horto e cultivan moitas plantas neles, por que se axudades no horto non mandades fotos ou vídeos ao blogue co que estades a cultivar? Seguro que tedes froitas e verduras moi chulis. Veña, animarvos e sorprendernos con todo o que os avós e papás teñen nos hortos e os xardíns.

Agora póñovos un conto no que comprobamos a importancia que teñen as froitas e as verduras na nosa vida:


E agora imos traballar un pouco con estas fichas de froitas e verduras.

Para Selene, Blanca, Elia e Lis:



Para Jimena, Jaime e Borja:



Para Darío:



Que vos parece se tentamos descubrir de que froita ou verdura falan estas adiviñas? Seguro que o adiviñades vós antes que calquera da casa porque sodes moi listos.


Hoxe imos terminar de forma moi marchosa con esta canción:


Un bico e ata mañá!









miércoles, 6 de mayo de 2020

Hoxe é un bo día para plantar



Ola neniños! Hoxe parece que teremos un bo día, pero estamos na primavera e o tempo pode cambiar de súpeto, non importa, isto é moi bo porque así os nosos xardíns, que é agora onde xogamos todos os días, estarán preciosos. E para que isto ocorra, nós temos que axudar nun labor moi importante que é plantar.


Xa iniciaramos a semana pasada o proceso de plantar na casa unha semente. Por certo, que tal van as vosas sementes? Seguro que xa xerminaron, hai que tratalas con moito coidado, porque despois témolas que levar ao xardín e plantalas alí na terra, veredes que emoción segundo vaian crecendo e comprobaredes como vós participastes neste pequeno "milagre".


A Darío e a Lis déuselles moi ben este experimento e mandáronme estas reportaxes para que o vexades os demais:




Desde logo en Lubre hai moito potencial, hai que seguir cultivándoo!

Seguindo cos cultivos, se o que plantamos é unha pipa das que comemos nós, a sorpresa será maior porque o que nacerá será unha planta de xirasol, que segundo vaia crecendo farase máis alta que nós e a súa flor, o xirasol, será grandísima, máis grande que a nosa cabeza, pero para que isto pase temos que coidar moito a semente da pipa desde o principio. Isto foi o que lle pasou ao neno do conto que vos poño a continuación:


E sabedes por que esta planta ten este nome, xirasol? Pois porque a esta super-flor gústalle moito o sol, e ao longo do día vaise virando sempre seguindo o movemento do sol no ceo. Veña, animarvos e plantar unha pipa e veredes como todo o que vos contei é verdade e poderédelo comprobar por vós mesmos. Mirar o seguinte vídeo para que vexades o movidos que son os xirasois ao longo do día:


E despois de aprender tantas cousas, agora tócanos traballar un pouco, que non se me esqueceron as fichas de hoxe. Veña que son moi fáciles e moi bonitas!

Para Elia, Selene, Blanca e Lis:



Para Jaime, Borja e Jimena:



Para Darío:



Pois isto é todo por hoxe, un bico bolboreta moi grande e ata mañá!









martes, 5 de mayo de 2020

Volvemos ao choio despois de catro días!


Ola peques! Desde o pasado xoves non tiveramos comunicación entre nós, o venres foi nosa festa, o Día do Traballo, e onte luns as profes e o profe dedicamos o día para informarnos sobre as novas formas de continuar comunicándonos convosco.

Que tal o pasastes estes días? E os agasallos para Mamá como vos quedaron? O que se anime que envíe fotos das obras de arte que lle regalastes a Mamá e así as vemos todos, de todos os xeitos non esquezades que o mellor agasallo para Mamá é querela moito, portarse ben e darlle un bico moi forte (a Mamá e a todos os que vivan na casa connosco si se pode).

Hoxe é un día especial, é o Día Mundial da Hixiene de Mans. Nós esta pauta coñecémola moi ben, sempre nos lavamos as mans despois de xogar, cando imos traballar, antes de comer,..., pero agora co pesado este do Coronavirus témolo que facer moito máis a miúdo, de todos os xeitos e para sempre temos que incorporar aos nosos hábitos lavárnolas con moita frecuencia ao longo do día e despois tamén é moi importante secalas ben. E por que é tan importante lavarnos moi a miúdo as mans? Pois porque os microbios e as bacterias que son seres vivos moi pequenos e non os podemos ver se non é cun microscopio, coa lupa tampouco os podemos ver, están en todas partes e son moi perigosos, pódennos causar moitas enfermidades, por iso aínda que pareza que temos as mans limpas, tampouco debemos meter os dedos na boca, no nariz, fregarnos moi forte os ollos, ..., todos estes xestos debemos evitalos. E cando volvamos saír á rúa, ir de compras, ir ao parque, sentarnos nunha cafetería, utilizar uns aseos públicos, ...., non debemos tocalo todo, temos que ter moito coidado e ao final sempre lavarnos as mans.


E agora aprende con este vídeo o importante que é manter limpas as mans:


Como hoxe temos que ir collendo o ritmo despois de catro días de relax, as fichas son moi sinxelas, e tratan do tema que conmemoramos hoxe.



E para despedirnos aquí tedes esta canción co tema do día e ademais repasades tamén os nomes dos dedos da man, que xa os vimos no cole.


Un bico e ata mañá!







jueves, 30 de abril de 2020

Chega o Día de Mamá!




Bos días cativiños! Este ano o "Día de Mamá", que celebraremos o vindeiro domingo, será especial, porque o seu agasallo farémolo con ela, pero o importante é que sabemos que Mamá é única, non hai outra igual, e cando hoxe abramos o blogue con ela e vexa o que a preparamos, gustaralle moito participar, aínda que sexamos nós os que realicemos o agasallo. Se de todos os xeitos queremos darlle unha sorpresa, podemos pedirlle axuda a Papá ou a outra persoa maior que estea na casa connosco. O máis importante é o agarimo con que fagamos estes agasallos, non importa o esforzo nin tampouco como nos queden, só importa que o facemos por Mamá, a persoa que máis nos quere neste mundo, Papá tamén, pero o domingo é o "Día de Mamá".


Para celebrar este día podemos colorear unha ficha, póñovos varios modelos para que elixades a que máis vos guste:




As fichas son para adornar e celebrar o "Día de Mamá" na casa. E agora imos co máis importante, o agasallo para Mamá! Tamén temos varias opcións para facer a que máis vos guste.

A primeira idea de agasallo que vos propoño é este modelo que unha vez coloreado, decorado e debuxando a Mamá no centro, recortamos e pegamos nun cartón ou cartolina e así será un cadro moi bonito para poñer nun sitio especial.


Para as "Mamás Raíñas", tamén lles podedes facer este modelo de espello tan especial. Tedes que facer o mesmo que no marco, decorar e debuxar a Mamá no óvalo da dereita. Ademais da ficha co modelo, póñovos unha foto para que vexades o chuli que vos pode quedar.



E para rematar, se Papá axúdavos, aquí vai outro agasallo que podedes facer entre os dous e regalarllo xuntos a Mamá:


Pois ao choio campións! Temos varios días por diante ata o domingo, porque mañá venres é festa, é o "Día dos Traballadores", é dicir, o voso día, e que mellor plan que celebralo traballando para facer agasallos a Mamá. E mentres podedes ver este conto dedicado ás "Mamás Máxicas" e que podedes repetir, tanto o conto como as cancións, o domingo que é o seu día especial. 


Un bico bolboreta da profe!















miércoles, 29 de abril de 2020

Continuamos aprendendo na casa


Ola peques! Continuamos sen poder volver ao cole, pero nós ao mal tempo boa cara e seguimos aprendendo na casa.

Hoxe imos repasar os números que xa coñecemos e asocialos coa súa cantidade correspondente. Para entrar en materia empezamos cunha canción:


Agora que xa os repasamos en castelán, os imos repasar tamén en galego con outra canción:


Gustáronvos as cancións? Verdade que son moi bonitas? Pois agora imos poñer en práctica todo o aprendido.

O primeiro que imos repasar son as "regletas" de cada número e a súa cor correspondente. Por iso, volvo poñer o esquema destas, e así as lembrades.


Os que teñades a caixa de "regletas" na casa, como Blanca, só tedes que collela e mirar as súas cores e xogando con elas, como facemos na clase, é moi fácil aprender a xuntar (sumar) e quitar (restar).

E despois de todo isto, para demostrar que aprendemos todo o anterior, aquí tedes as fichas de hoxe, que son moi fáciles e vanvos a gustar moito.

Para Selene, Elia, Blanca e Lis:


Para Jaime, Borja e Jimena:


Para Darío:



E para terminar por hoxe, aquí tedes un conto dos números:


Moitos abrazos e bicos bolboreta da profe e ata mañá!














martes, 28 de abril de 2020

Imos animar este día triste cunha familia moi alegre.


Ola pequerrechiños! Aínda que xa non se se chamarvos así porque como hai 47 días que non nos vemos, seguro que crecestes moito e xa non sodes tan pequenos, verdade? Lembrade que onte Elia cumpriu 4 anos e pronto serán tamén os "cumples" de Jaime, Borja, Blanca e Selene, a ver se con sorte podemos celebrar estes "cumples" todos xuntos no cole. Estades a facervos moi maiores!

Xa sabedes que desde o domingo podedes saír á rúa os nenos que teñan menos de 14 anos, por certo Darío, ves como en ocasións é unha sorte ser máis pequeno que Nico, ti podes saír e el non. Podedes saír durante unha hora, é dicir, un paseo curto, sempre con algunha persoa maior e mantendo as normas, que xa coñecemos, para impedir contaxiarnos do ditoso coronavirus, imos lembralas: gardar as distancias con outras persoas, non tocar nada, levar luvas e máscara, ..., e ao chegar a casa deixar os zapatos na porta, cambiarnos de roupa, lavarnos as mans, limpar os xoguetes que levamos á rúa, ... É unha lata, pero debémolo facer para que isto termínese e podamos facer as cousas que faciamos antes de que todo isto empezase, xa nos queda menos para volver vernos, eu teño moitas ganas de que isto pase e vós? seguro que tamén.

Pero nós debemos de seguir traballando na casa para non perder o ritmo e así cando regresemos ao cole, continuemos coas nosas actividades coma se estas "vacacións obrigadas" non existisen.

Onte celebramos o aniversario dunha princesa, Elia, pois hoxe imos seguir traballando con elas e os seus papás e irmán, é dicir, imos repasar á familia real do País das Letras; Xa lles coñecemos moi ben a todos e, ademais, gústanos moito debuxar e colorear os seus diferentes vestidos. Isto non é un traballo, é unha diversión e ademais aprendemos moito.

Antes de poñernos ao choio imos repasalas con esta canción:


E agora aquí tedes as fichas:

Lis, Elia, Blanca e Selene tedes esta ficha para facer hoxe e lembrade que as pinturas hai que collelas coa "pincita" e non vale saírse.


Jimena, Jaime e Borja tedes estas fichas para traballar hoxe. A primeira ficha é para ler a Mamá ou a Papá o nome dos vestidos dos membros da familia real.



Darío, esta ficha é para ti, a min paréceme moi fácil e seguro que a ti tamén. Cando termines de facer o que che indica, a coloreas que así queda máis bonita, e para completar a ficha, por detrás vas facer unha frase con cada unha das palabras que completaches, exemplos: "La jarra tiene agua", "El gusano come hojas",..., agora continúa ti que eu xa che fixen dous, só che quedan oito.


Ah! Esquecíaseme, Darío, lembra que todos os días tes que ler un pouco, iso si, o conto que ti queiras.

E para terminar, póñovos as fotos que me mandou a Mamá de Elia do ben que llo pasaron onte celebrando os seu "cumple" e así tamén coñecedes ao seu irmanciño Gael. Mirade o moito que creceron os dous! Elia mándavos moitos bicos e ten moitas ganas de vervos!



Moitos bicos bolboreta e ata mañá!