viernes, 17 de abril de 2020

Chegou a fin de semana



Ola cativos! Hoxe é venres e chegou a fin de semana, aínda que estando sen saír da casa como que non nos damos moita conta, pero nós temos que esforzarnos e facelo especial. Especial vai ser porque xa sabemos que o sábado e o domingo son os días da semana que temos para descansar. Acordarédesvos de como se chamaban os días da semana, verdade? Imos lembralo cunha canción de "Mamá Cabra":


Se estivésemos no cole, 
  • O LUNS sería o primeiro día da semana e teriámolo moi atarefado, viñan as profes Eva, María e Cova.
  • O segundo día, MARTES, só viña Ricardo e pasabádelo chupi na súa clase de Educación Física.
  • O terceiro día, MÉRCORES, estaba completiño coas profes Dolores, Marisol e outra vez Cova.
  • O cuarto día, XOVES, repetiamos con Ricardo.
  • E o quinto día, VENRES, volvía Dolores e á hora do bocadillo acompañábanos a profe Mónica.
Para lembrar a todos os vosos estupendos profes, xa sabedes que, ademais do blogue de Lubre, tedes o resto dos blogues dos profes especialistas que tamén vos preparan actividades e xogos moi bonitos e, ademais, Blanca, Selene e Jaime, tedes á profe Dolores que vos propón unhas actividades especiais no seu blogue. Animarvos e cada día visitar os diferentes blogues do CRA, veredes que entretidos estades! 

Seguindo cos días da semana, para que sexa máis divertido repasalos aquí tedes este vídeo con moita marcha:



E agora toca traballar, estas son as fichas de hoxe:

Para Selene, Blanca, Elia e Lis

Para Jimena, Jaime e Borja

Lémbravos algo as cores do verme? Son as cores das regletas coas que traballamos na clase



Para Darío

Darío, unha vez que atopes os nomes dos días da semana na sopa de letras, tes que colorear cada nome da cor correspondente á orde da regleta (luns branco, martes vermello, ...)


E para finalizar, unha super sorpresa, mirade o seguinte vídeo:


Verdade que este mozo ten madeira de chef? Jaime, de aquí ao concurso da tele, gáñalo seguro, saíronche as "torrijas" mellor que a min!

Un bico e ata o luns!


jueves, 16 de abril de 2020

Imos lembrar algunhas letras


Bos días nenos! Como van as cousas? Continuamos en casa e seguimos sen poder ir ao cole. Xa sabemos porqué, onte explicámolo, e mentres esperamos que isto se solucione, seguiremos traballando.

Hoxe está un día triste, as nubes cobren o ceo, non vemos o sol e está a chover un pouco. Pero tamén sabemos que se queremos celebrar no mes de maio a "Festa dos Maios" con flores, ten que chover, non hai outra maneira de que os xardíns se vistan de festa.


Como vos dixen ao principio, hoxe imos lembrar algunhas das letras que xa coñecemos. Primeiro veremos este conto para activar as nosas neuronas, que son as células que conforman o noso cerebro.



E agora tócanos traballar,

ELIA, BLANCA, LIS e SELENE, ides repasar os vestidos da Raíña A con este vídeo e estas fichas:




BORJA, JAIME e JIMENA, ademais do vídeo da Raíña A, tamén imos lembrar ao Rey U con outro vídeo e, como sodes máis maiores, póñovos estas fichas:












DARÍO, para ti todas as fichas anteriores son moi fáciles, porque xa sabes ler e escribir moi ben, se che gusta algunha podes facela tamén, pero as túas son estas, que son moi bonitas e telo chupado, veña campión, adiante:


Por hoxe rematamos o traballo, un bico e ata mañá!

Ah! Esquecíaseme, vistes as fotos de Borja coas xemelgas e o moito que creceron? Como isto dure, non se se as recoñeceremos.



miércoles, 15 de abril de 2020

Seguimos a voltas co coronavirus


Ola campións! Que tal estades? Fixestes os traballos de onte? Empezamos amodiño porque despois das vacacións temos que ir collendo o ritmo aos poucos. O de campións vén porque de verdade que sodes uns campións, vós e todos os que viven convosco: os papás, os avós, os irmáns, os tíos, ... Porque todos levades moito tempo encerrados na casa e, por que? Todos o sabemos moi ben, polo Coronavirus, que agora lle chaman o Covid19, e sabemos tamén o que é un virus, un "bichiño", un microorganismo que non o podemos ver, só os científicos con microscopios especiais e moi potentes, pero a pesar de ser algo tan pequeno, é moi perigoso e, se por algunha situación poñémonos en contacto con el, pódenos contaxiar e podemos enfermar; Sabemos tamén que os nenos sodes moi fortes porque tedes unha alimentación moi sa e os pediatras contrólanvos moi ben con revisións e vacinacións periódicas (por iso non podemos poñernos nerviosos nin chorar cando nos toca ir ao médico), case non tedes perigo no caso de que vos contaxiedes, pero non ocorre o mesmo coas persoas maiores, en especial cos avós, eles aínda que tamén teñan unha alimentación moi sa, non son tan fortes como vós, por iso temos que coidalos máis e unha forma de coidalos, aínda que pareza raro, é non ir velos, nin bicalos, nin tocalos, porque os podemos contaxiar sen sabelo nós, pero si podemos falar con eles por teléfono, velos nas pantallas e mandarlles moitos bicos, isto alegraralles moito e daralles moitas forzas.



Agora imos lembrar as normas que temos que seguir para evitar contaxiarnos e contaxiar nós a outros. A ver se vos acordades:
  • Quedarnos na casa e non saír á rúa nin aos parques.
  • Lavarnos moi ben as mans con auga e xabón, isto xa o tiñamos que facer sempre, pero agora máis.
  • Se tosemos, colocar diante da boca a parte interior do cóbado.

Ademais destas tres medidas, que son as máis importantes, se temos que saír á rúa porque é necesario (hai que facer a compra e non nos poden deixar sós en casa ou temos que ir ao médico), non debemos achegarnos ás persoas que nos atopemos, debemos de gardar unha distancia. 

Tamén é moi importante que nos dea o aire e o sol, a maioría de vós non tedes problemas con isto porque vivides en casas con xardín ou terraza e, se hai bo tempo, é o que adoitades facer, se algún amigo non ten a sorte que tedes vós, terase que asomar ás xanelas ou aos balcóns un intre cada día. E, por que é importante que nos dea o aire e o sol? Acordádesvos que este inverno explicamos en clase o importante que era tomar lácteos, froitas e zumes frescos para que nos achegasen calcio e vitamina C e non tivésemos problemas co virus da gripe (o coronavirus é un primo do virus da gripe)? Pois cando nos dá o aire e o sol fixamos a vitamina D que tamén é moi necesaria para o noso desenvolvemento. Así que cando faga bo, xa sabemos, ao xardín! E ademais de xogar coas nosas mascotas e coidalas, axudaremos tamén aos maiores para ter precioso o xardín, é moi entretido e aprendemos moitas cousas divertidas. Outro día falaremos das diferentes plantas e animais que viven nos nosos xardíns e hortos, pero hoxe tócanos o Covi19.

Que vos parece se facemos un xogo para reforzar o lavado de mans? Pois veña, a ver cuantos puntos gañamos e se conseguimos moitos, seguro que o premio será estupendo!


E agora póñovos un vídeo para que vexades o divertido que pode ser lavarse as mans:




Hoxe as fichas van ser moi fáciles porque a explicación foi moi longa e non quero que vos cansedes, que hai que empezar amodiño, só ides ter que colorear os diferentes virus e bacterias.



Para terminar, mirade que preciosidade de fotos mandounos a Mamá de Borja, este é o resultado dunha comida sa, hurra polos seus papás! Carmen, Aurora e Borja mándanvos moitos bicos!





martes, 14 de abril de 2020

Peques volvemos ao choio!



Nenos, acabáronse as "vacacións" e temos que volver traballar un pouco. Esta Semana Santa non puidemos saír da casa, o ditoso coronavirus aínda está a pulular por aí, pero vimos na tele algunha procesión, moitas pelis, comeriamos as torrijas que fixemos na casa e, nalgunha ocasión, saímos ao xardín ou ao balcón para que nos dese o aire e o sol. Aínda que sol non moito, porque o tempo foi regular. Pero hoxe saíu o sol e póñovos esta canción para que a cantedes no xardín, oxalá faga moitos días así! 



Pero ademais de todo isto, pasaron outras cousas importantes, o irmanciño de Lis, Aarón, por fin naceu nestas vacacións e é moi lindo e moreniño, cando volvamos ao cole coñecerémoslle. Mentres, como adianto, a Mamá de Lis mandounos unhas fotos para que vexades a Lis co seu irmanciño:




Xa temos dous bebés novos en Lubre: Gael e Aarón.


Como durante as vacacións non puxen fichas no blogue, supoño que aproveitastes para facer as que tiñades sen rematar e, tamén, para facer algunha das manualidades que vos propuxen. Hainas moi chulis. Non as perdades porque despois tédelas que traer ao cole e faremos unha exposición. Así as veremos todos e tamén llas ensinaremos ao resto dos profes, veredes que cara poñen, van a flipar! A Mamá de Branca e Carla, mandounos estas fotos cun vídeo no que nos ensinan o móbil de ovos de Pascua que fixeron entre todas, a Mamá tamén participou, mirade que bonito quedou:







Tamén nos mandan moitos bicos e lémbrannos que onte luns foi o "Día do Bico". Cando todo isto termine, as fábricas de abrazos e bicos as imos poñer a pleno funcionamento!


Outra cousa que tedes que facer cos papás, que agora están moito na casa, é ler contos. Darío non ten problemas, sábeo facer só. Aos demais tennos que axudar algunha persoa maior, pero non importa, é moi divertido e, ademais, descubrimos moitas cousas. Acordarvos do libro de fábulas que estamos a ler no cole e todo o que estamos a aprender coa "ensinanza final".

Xa sabedes que antes das vacacións de Semana Santa empezara unha estación nova, a primavera, non fai tanto frío como no inverno, chove e empezan a saír as flores. Co móbil que fixemos aprendemos nomes de flores, moitas delas témolas no noso xardín. Algún nestas vacacións, nas que tivemos tanto tempo libre, axudou a Mamá ou Papá a plantar outras novas no xardín? Xa mo contaredes cando volvamos ao cole.

E como supoño que teñades unhas ganas grandísimas de volver facer os traballos tan guais que vos poño no blogue, imos volver a lembrar algunhas das cousas que fixemos antes destas vacacións, veña ánimo campións que isto está chupado!

Como é o primeiro día, imos empezar amodiño, non nos vaiamos a estresar. Temos unha ficha para cada grupo e ao final unha para todos.

Para Blanca, Elia, Lis e Selene:
Primeiro repasamos os camiños con lapis , despois volvémolo a facer cunha pintura de cor diferente para cada un e coloreamos a bolboreta. Rematamos poñendo o número correspondente a cada camiño (1, 2, 3, 4)

Para Jimena, Jaime e Borja:
Unha vez que terminedes de contar os animaliños que vos pide a ficha, tedes que coloreala

Para Darío:
Unha vez que se faga o que pide a ficha, hai que coloreala

E a ficha para todos:







viernes, 3 de abril de 2020

Empezamos vacacións un pouco especiais


Ola pitufiños (como isto siga así, vánseme a acabar os diminutivos).

Hoxe venres, se non fóra polo pesado do coronavirus, sería o último día de clase antes das vacacións. Estaríamos a pasar parte da mañá xogando no patio buscando os ovos de Pascua que nos escondera o coelliño, levariades os vosos cartafoles cos traballos a casa e estariades moito tempo destas de vacacións ensinándollos a todos os da familia. Pero este curso é especial e imos sacarlle partido. Que tal os traballiños de onte? Animástesvos facer as manualidades que vos propuxen? Verdade que eran fáciles e ademais quedan moi ben? Se alguén ten sen terminar algunha ficha ou traballo, non vos preocupedes que tedes todos estes días para facelas. Tamén, unha vez terminadas, podedes facer outro móbil novo con elas e colocalo onde máis vos guste da vosa casa. Cando todo isto acabe e convidedes os vosos amigos, van quedar flipados.

Durante esta semana falamos das tradicións de Semana Santa. Unha tradición moi bonita deste Domingo de Ramos é saír polas rúas das cidades e pobos cunha palma ou ramo de loureiro para conmemorar a chegada de Xesús a Xerusalén. Despois estes ramos colócanse nas xanelas ou balcóns ata o próximo ano. Aquí póñovos unhas fotos para que o vexades:





E outra tradición estupenda, e que lles vai a encantar aos larpeiros, son as "torrijas". As "torrijas" son un doce típico nestas datas, non só en Galicia, a nosa comunidade, senón en toda España. Son fáciles de facer e os seus ingredientes témolos sempre na casa, iso si, téñennos que axudar os nosos papás, avós ou tíos, o que mellor cociñe da casa que se poña ao choio. Aquí tedes unha receita moi sinxela, veña larpeiros a por ela!



E aínda que hoxe empezan as vacacións, non se me esqueceron as vosas fichas diarias. Aquí van as que vos tocan hoxe:

Para Blanca, Selene, Elia e Lis:

(o ovo do centro podédelo decorar co que queirades: estrelas, flores, nubes, soles, etc)



Para Jimena, Jaime e Borja:

(nesta ficha facer a simetría)

(e nesta ficha continuar as series)

Para Darío:


(esta ficha vai levar tempo, pero non resoples que quedará preciosa)

Para completar as fichas, estas son para todos con motivos tradicionais da Semana Santa:





(aquí póñovos un exemplo de como debuxar ao Papón, pero podedes elixir as cores que máis vos gusten)
E como estes días de vacacións non imos ter tarefas por facer e non quero que vos aburrades, mirar que manualidades máis bonitas busqueivos para que fagades as que máis vos gusten:






Lembrar que para reciclar podemos facer estas manualidades non só con cartolinas, senón con caixas de galletas, papel de xornal ou de agasallo, revistas,..., o que teñades na casa.

A mamá de Lis mandoume este vídeo para todos, ensínavos as súas obras de arte (neste cole están a descubrirse a verdadeiras artistas entre as nais) e mándavos moitos bicos:


E para terminar, un vídeo moi marchoso para que cantedes e bailedes estas vacacións:


Un bico e que o pasedes ben estas vacacións na casa!