martes, 14 de abril de 2020

Peques volvemos ao choio!



Nenos, acabáronse as "vacacións" e temos que volver traballar un pouco. Esta Semana Santa non puidemos saír da casa, o ditoso coronavirus aínda está a pulular por aí, pero vimos na tele algunha procesión, moitas pelis, comeriamos as torrijas que fixemos na casa e, nalgunha ocasión, saímos ao xardín ou ao balcón para que nos dese o aire e o sol. Aínda que sol non moito, porque o tempo foi regular. Pero hoxe saíu o sol e póñovos esta canción para que a cantedes no xardín, oxalá faga moitos días así! 



Pero ademais de todo isto, pasaron outras cousas importantes, o irmanciño de Lis, Aarón, por fin naceu nestas vacacións e é moi lindo e moreniño, cando volvamos ao cole coñecerémoslle. Mentres, como adianto, a Mamá de Lis mandounos unhas fotos para que vexades a Lis co seu irmanciño:




Xa temos dous bebés novos en Lubre: Gael e Aarón.


Como durante as vacacións non puxen fichas no blogue, supoño que aproveitastes para facer as que tiñades sen rematar e, tamén, para facer algunha das manualidades que vos propuxen. Hainas moi chulis. Non as perdades porque despois tédelas que traer ao cole e faremos unha exposición. Así as veremos todos e tamén llas ensinaremos ao resto dos profes, veredes que cara poñen, van a flipar! A Mamá de Branca e Carla, mandounos estas fotos cun vídeo no que nos ensinan o móbil de ovos de Pascua que fixeron entre todas, a Mamá tamén participou, mirade que bonito quedou:







Tamén nos mandan moitos bicos e lémbrannos que onte luns foi o "Día do Bico". Cando todo isto termine, as fábricas de abrazos e bicos as imos poñer a pleno funcionamento!


Outra cousa que tedes que facer cos papás, que agora están moito na casa, é ler contos. Darío non ten problemas, sábeo facer só. Aos demais tennos que axudar algunha persoa maior, pero non importa, é moi divertido e, ademais, descubrimos moitas cousas. Acordarvos do libro de fábulas que estamos a ler no cole e todo o que estamos a aprender coa "ensinanza final".

Xa sabedes que antes das vacacións de Semana Santa empezara unha estación nova, a primavera, non fai tanto frío como no inverno, chove e empezan a saír as flores. Co móbil que fixemos aprendemos nomes de flores, moitas delas témolas no noso xardín. Algún nestas vacacións, nas que tivemos tanto tempo libre, axudou a Mamá ou Papá a plantar outras novas no xardín? Xa mo contaredes cando volvamos ao cole.

E como supoño que teñades unhas ganas grandísimas de volver facer os traballos tan guais que vos poño no blogue, imos volver a lembrar algunhas das cousas que fixemos antes destas vacacións, veña ánimo campións que isto está chupado!

Como é o primeiro día, imos empezar amodiño, non nos vaiamos a estresar. Temos unha ficha para cada grupo e ao final unha para todos.

Para Blanca, Elia, Lis e Selene:
Primeiro repasamos os camiños con lapis , despois volvémolo a facer cunha pintura de cor diferente para cada un e coloreamos a bolboreta. Rematamos poñendo o número correspondente a cada camiño (1, 2, 3, 4)

Para Jimena, Jaime e Borja:
Unha vez que terminedes de contar os animaliños que vos pide a ficha, tedes que coloreala

Para Darío:
Unha vez que se faga o que pide a ficha, hai que coloreala

E a ficha para todos:







viernes, 3 de abril de 2020

Empezamos vacacións un pouco especiais


Ola pitufiños (como isto siga así, vánseme a acabar os diminutivos).

Hoxe venres, se non fóra polo pesado do coronavirus, sería o último día de clase antes das vacacións. Estaríamos a pasar parte da mañá xogando no patio buscando os ovos de Pascua que nos escondera o coelliño, levariades os vosos cartafoles cos traballos a casa e estariades moito tempo destas de vacacións ensinándollos a todos os da familia. Pero este curso é especial e imos sacarlle partido. Que tal os traballiños de onte? Animástesvos facer as manualidades que vos propuxen? Verdade que eran fáciles e ademais quedan moi ben? Se alguén ten sen terminar algunha ficha ou traballo, non vos preocupedes que tedes todos estes días para facelas. Tamén, unha vez terminadas, podedes facer outro móbil novo con elas e colocalo onde máis vos guste da vosa casa. Cando todo isto acabe e convidedes os vosos amigos, van quedar flipados.

Durante esta semana falamos das tradicións de Semana Santa. Unha tradición moi bonita deste Domingo de Ramos é saír polas rúas das cidades e pobos cunha palma ou ramo de loureiro para conmemorar a chegada de Xesús a Xerusalén. Despois estes ramos colócanse nas xanelas ou balcóns ata o próximo ano. Aquí póñovos unhas fotos para que o vexades:





E outra tradición estupenda, e que lles vai a encantar aos larpeiros, son as "torrijas". As "torrijas" son un doce típico nestas datas, non só en Galicia, a nosa comunidade, senón en toda España. Son fáciles de facer e os seus ingredientes témolos sempre na casa, iso si, téñennos que axudar os nosos papás, avós ou tíos, o que mellor cociñe da casa que se poña ao choio. Aquí tedes unha receita moi sinxela, veña larpeiros a por ela!



E aínda que hoxe empezan as vacacións, non se me esqueceron as vosas fichas diarias. Aquí van as que vos tocan hoxe:

Para Blanca, Selene, Elia e Lis:

(o ovo do centro podédelo decorar co que queirades: estrelas, flores, nubes, soles, etc)



Para Jimena, Jaime e Borja:

(nesta ficha facer a simetría)

(e nesta ficha continuar as series)

Para Darío:


(esta ficha vai levar tempo, pero non resoples que quedará preciosa)

Para completar as fichas, estas son para todos con motivos tradicionais da Semana Santa:





(aquí póñovos un exemplo de como debuxar ao Papón, pero podedes elixir as cores que máis vos gusten)
E como estes días de vacacións non imos ter tarefas por facer e non quero que vos aburrades, mirar que manualidades máis bonitas busqueivos para que fagades as que máis vos gusten:






Lembrar que para reciclar podemos facer estas manualidades non só con cartolinas, senón con caixas de galletas, papel de xornal ou de agasallo, revistas,..., o que teñades na casa.

A mamá de Lis mandoume este vídeo para todos, ensínavos as súas obras de arte (neste cole están a descubrirse a verdadeiras artistas entre as nais) e mándavos moitos bicos:


E para terminar, un vídeo moi marchoso para que cantedes e bailedes estas vacacións:


Un bico e que o pasedes ben estas vacacións na casa!

jueves, 2 de abril de 2020

En abril, nubes e choivas mil!


Ola ruliños! Como vai a cousa? Espero que ben porque traballos super chulis temos para non aburrirnos.

Onte empezamos un mes no que adoita facer moitos días con nubes e choiva. Os maiores adoitan dicir que hai mal tempo. Pero nós no cole explicamos que isto non é así e que este tempo é necesario para a natureza e todos os seres vivos. As plantas necesitan a auga da choiva para nacer e desenvolverse e, despois, nós poder recoller os froitos que nos deron as súas flores. As persoas e os animais tamén necesitamos a auga para poder vivir. Ademais, a choiva tamén limpa o aire contaminado polos fumes dos coches e as chemineas e respírase mellor. Así que cando escoitemos dicir que vai mal tempo, dirémoslles que non e explicarémoslles o porqué.


Tampouco debemos de esquecer que hoxe é o día dedicado ao autismo.

Algunha vez falamos desta palabra e dos nenos e as persoas que viven esta situación e terminamos a explicación dicindo que son persoas como nós, pero que o seu cerebro e as súas células grises funcionan de diferente forma á nosa. Son persoas e nenos especiais e aquí póñovos un vídeo para que o entendades mellor:


E agora imos ao choio! Vou dicir por grupos o traballo para hoxe.

Para Elia, Selene, Lis y Blanca estas fichas:



Para Jaime, Jimena y Borja estas son as vosas:

A seguinte ficha ten as sete cores do arco da vella, así os repasamos para que non se nos esquezan.


Darío, estas son as túas fichas, o a primeira dentro de cada nube tes que escribir o nome do número que aparece encima, non te poñas nervioso que o sabes facer, e na segunda ficha só tes que completar en cada cadrado os números que faltan e, se te animas, escribe os nomes dos diferentes animais que aparecen:




E para terminar, que tal quedaron os ovos de onte? Co artistas que sodes quedarían preciosos! 

Pois hoxe propóñovos outra manualidade para facer con cartolina:


E como xa sodes mestres nesta arte, aí van estes coellos e pitiños para facer con rolos de papel hixiénico:


Vaia colección ides ter! Ata mañá!

miércoles, 1 de abril de 2020

Empeza o mes de abril


Empeza ABRIL nenos, o número 4 dos meses do ano. O ano empezou con XANEIRO e viñeron os Reis Magos, despois FEBREIRO co Entroido, chegou MARZO co ditoso coronavirus e tivemos que quedarnos na casa, e hoxe empeza ABRIL, a ver se nacen moitas flores e alegrámonos un pouco.
Hoxe ímolo a pasar moi ben facendo as fichas que vos propoño, ademais de ser moi fáciles, son moi bonitas.
Blanca, Elia, Selene e Lis, estas son as vosas fichas:


Jimena, Jaime y Borja, estas dúas fichas son para vós:
Darío, estas son as túas fichas:

E tamén, se estades moi traballadores e quédanvos ganas despois de facer as vosas, podedes facer a ficha do coelliño de abril da cabeceira. Ánimo ruliños, que así pasades un bo intre entretidos e seguides mellorando!

Todos estes días desta semana estivemos facendo e coloreando coellos e ovos de Pascua, pero sabemos cal é a orixe desta tradición? Agora imos ver un vídeo para coñecela, xa veredes como vos gusta:


Tamén póñovos unha canción do coelliño de Pascua para que cantedes e bailedes un pouco ou un moito, o que queirades:


E unha proposta para finalizar, acordádesvos do vídeo de onte no que os coellos facían e decoraban ovos de chocolate e ovos duros? Por que non vos animades, cocedes con Papá ou Mamá ovos de galiña e despois pintádelos e decorades como máis vos guste? Veña, ao choio, esta tarde xa a temos ocupada.